Ante a Real Decreto Lei aprobado onte polo Consello de Ministros sobre medidas urxentes en materia de recursos humanos para facer fronte á crise sanitaria provocada pola covid-19, o Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña quere manifestar #ante a opinión pública e publicada a súa preocupación e inquietude pola modificación dunha lei tan importante como a Orgánica de Ordenación das Profesións Sanitarias, que pretende acelerar os trámites para abrir unha vía de exercicio aos médicos extracomunitarios mediante o recoñecemento de efectos profesionais, o que supón facilitar o exercicio a quen non teñen o título de especialista.

O Colexio Médico da Coruña, do mesmo xeito que o resto dos de España, estará especialmente vixiante para garantir que estes profesionais reúnan as condicións idóneas, e esixe un comité de control co fin de garantir a mellor asistencia e seguridade clínica dos pacientes.

Unha vez máis, ponse de manifesto a falta de contacto das Administracións cos representantes dos profesionais médicos, que, en todo momento, ofreceron a súa colaboración para buscar solucións conxuntas aos problemas aos que deben facer fronte os facultativos.

O Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña, do mesmo xeito que o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Médicos de España, lamenta tamén que se adopten ese tipo de medidas sen contemplar accións para paliar a precariedade e temporalidade de miles de facultativos a través de procesos de regularización que melloren a situación dos profesionais e recoñezan o esforzo de tantos médicos do noso país.

Ademais, a institución que representa aos facultativos da provincia coruñesa considera intolerable e inadmisible que o texto legal pretenda que se poidan realizar adscricións de persoal dentro dun mesmo centro hospitalario, dun centro hospitalario a centros de atención primaria da súa área, deste tipo de centros a hospitais e hospitais de campaña e entre outros centros, servizos, institucións ou establecementos sanitarios públicos, co fin de dispoñer do maior número posible de profesionais. As comunidades autónomas deberían contar con todos os recursos públicos e privados para facer fronte, de forma coordinada, á pandemia.

Desde o Colexio Médico da Coruña, queremos poñer de manifesto a vulneración que supón esta Real Decreto Lei, ante o que mostramos nosa máis enérxica e total oposición, e reclamamos unha rectificación por parte do Goberno.

Por último, o Colexio Médico da Coruña lembra que hai outras moitas vías para cubrir este tipo de situacións, como pode ser a contratación dos 7.100 graduados en Medicina nas facultades españolas que se atopan en disposición de realizar aquelas tarefas encomendadas que non sexan estritamente competencia de especialistas.